Saturday 04 de May de 2024

A Xunta e Repsol afianzan a colaboración en materia de FP Dual coa formación de 41 alumnos e un certificado certificado de profesionalidade en Química Industrial


— O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións asina coa directora do Complexo Industrial da Coruña o convenio marco para esta acción

— Gaba o seu compromiso e agradece que sexa a primeira firma colaboradora en FP que asumirá os custos da Seguridade Social fixadas a nivel estatal

A Xunta de Galicia e a empresa Repsol veñen de reforzar a súa colaboración en materia de FP Dual coa sinatura dun convenio marco para o alumnado do ciclo superior dual en Química Industrial así como co acordo para a implantación dun novidoso certificado de profesionalidade neste eido.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e a directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, asinaron esta mañá o acordo a través do cal un total de 41 alumnos de distintas familias profesionais poderán completar a súa formación práctica nesta factoría. Deles, 18 pertencentes a sexta promoción do Ciclo Superior de Química Industrial Dual vanse incorporar xa este mes.

Así pois, ao abeiro deste acordo, o alumnado seleccionado realizará a súa formación curricular no Instituto IES A Sardiñeira (agás tres alumnos de Mecatrónica no CIFP Ferrolterra e un no IES Marqués de Sargadelos de Cervo), mentres que a parte de formación práctica desenvolverana nas instalacións da empresa na Coruña.

Unha vez rematado o período de prácticas, estes alumnos terán preferencia para incorporarse ás bolsas de emprego de Repsol. Así mesmo, a empresa comprométese a colaborar tamén no proceso formativo do alumnado ofrecendo formación específica por parte de persoal coa cualificación requirida, así como orientación e actualización da formación aos docentes da Consellería.

Confianza, prestixio e utilidade
Na súa intervención, o conselleiro Román Rodríguez subliñou a importancia da implicación de empresas como Repsol no crecemento da Formación Profesional galega en xeral e da FP Dual en particular, que está sustentado na “confianza, o prestixio e a utilidade”. Neste senso, reiterou o compromiso do seu departamento coa planificación dunha oferta ampla e diversificada, que dá resposta ás necesidades do tecido socio-produtivo e cunha aposta clara pola innovación e a alta cualificación.

Román Rodríguez aproveitou para agradecer a implicación da empresa Repsol e o seu compromiso con este proxecto. Non en balde, salientou que é a primeira firma colaboradora en FP, na modalidade de FCT, que se vai facer cargo da xestión e do custo económico das altas na Seguridade Social das prácticas non remuneradas do dito alumnado fixada a nivel estatal.

Colaboración o vindeiro curso
A colaboración con Repsol leva en marcha desde hai década e prevese que se siga reforzando no futuro. De feito, nestes momentos Consellería e empresa están avaliando a posibilidade de implantación dun novidoso sistema de oferta parcial de ciclos en dual para o vindeiro curso 2024-25.

Á falta de pechar as características específicas, sería unha oferta parcial do ciclo de grao superior en Química Industrial cunha duración dun ano (fronte aos dous habituais), onde se concentraría unha formación moi especializada nos procesos produtivos de Repsol, especificamente na xestión e control de planta química, que levaría a obtención dun certificado de profesionalidade.

O departamento educativo da Xunta de Galicia e Repsol manteñen unha estreita relación desde 1997, ano no que se asinou o primeiro convenio de colaboración educativa nas ensinanzas de formación profesional. No ano 2003 esta colaboración ampliouse para a impartición do ciclo formativo de grao superior de Industrias de Proceso Químico conxuntamente nas instalacións da empresa e no IES A Sardiñeira da Coruña. A partir de 2010 este ciclo foi substituído polo actual de grao superior en Química Industrial. A maiores, a empresa implicouse xa en 2013 na implantación da FP Dual, mantendo ademais a colaboración anterior no grupo de réxime ordinario.